Feliz aniversario, Rosalía!
O día 24 de febreiro conmemoramos o nacemento da nosa escritora máis universal, Rosalía de Castro. Este ano, como é xa tradición no noso centro, leváronse a cabo diferentes actividades dende o Equipo de Dinamización Lingüística en Galego (EDLG), sumandonos á proposta «Caldo de Gloria», posta en marcha pola da Fundación Rosalía de Castro e que se inspira no poema ‘’Miña casiña, meu lar’’. A continuación expóñense os resultados da nosa colaboración nesta iniciativa levada a cabo tanto polos alumnos de primaria como polos de secundaria.
Rosalía de Castro na Educación Primaria.
Para celebrar esta data tan sinalada, os nosos alumnos de primaria fixeron un marca-páxinas moi especial que contén varios elementos do poema que traballamos. Alén diso, dedicamos á hora de lectura a ler e aprender poemas da autora, coma «Alborada», un poema dunha característica musicalidade que permitiu a moitos conxuntos musicais e cantantes pórlle música e interpretalo ao longo das últimas décadas. Finalmente, para complementar as nosas xornadas dedicadas a Rosalía, vimos uns vídeos que nos fixeron comprender un pouco mellor a obra e vida de Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro na Educación Secundaria Obrigatoria.
Na E.S.O. apostamos por un enfoque interdisciplinar, nas que contamos coa participación dos departamentos de Lingua Castelá, Lingua Galega e Xeografía e Historia. Deste modo tratamos de coñecer non só o contido do poema a traballar, analizando os elementos estilísticos do mesmo, senón que tamén nos mergullamos no contexto histórico, social, cultural e literario,o que nos permitiu coñecer a vida de Rosalía en máis en profundidade.
Isto foi posíbel grazas á implicación do noso profesor de Xeografía e Historia, Juan Manuel Doval, que nos axudou a comprender o contexto histórico e social dos Séculos Escuros e o Rexurdimento, a época na que viviu a nosa homenaxeada, da nosa profesora de Lingua Galega e Literatura, María Romero, mediante o percurso realizado pola biografía da escritora, mostrando os pontos máis salientábeis da sua vida e o obra, como a súa inestimábel aportación á recuperación do galego como lingua de cultura. Finalmente, compre salientar a aportación do noso profesor de Lingua Castelá e Literatura, Misael Vergara, que procedeu á lectura e análise do celebrado poema rosaliano “Miña casiña, meu lar”, traballando cos alumnos diferentes facetas relativas á obra da autora galega, nomeando os aspectos temáticos, lingüísticos e mesmo conceptuais máis característicos da súa literatura”.
Finalmente, tivemos a oportunidade de facer unha declamación duns versos do poema na aula ao tempo que lle engadimos xestos co fin de comprender un pouco mellor os sentimentos de Rosalía ao escribir o poema, e deste xeito, facer ese sentimento tamén noso.