Letras Galegas, Antón Fraguas

Como cada ano, celebramos no noso centro o Día das Letras Galegas e consideramos este día tan especial coma unha oportunidade idónea, non só para afondar no coñecemento e estudo da nosa lingua, senón tamén para facer desta xornada unha experiencia completa ensinando aos nosos alumnos a importancia da cultura e tradición galegas.

O homenaxeado este ano é o mestre, historiador e etnógrafo don Antón Fraguas Fraguas,  un dos responsables fundamentais do fomento e impulso da cultura na nosa comunidade autónoma durante o século XX. Inspirados na súa labor coma etnógrafo e principal influencia na creación do Museo do Pobo Galego, elaboramos na nosa escola un museo en miniatura composto de pezas doadas case que en exclusiva por alumnos, pais e avós, un modesto pero significativo conxunto de pequenos e grandes obxectos que simbolizan feitos ineludibles da historia galega dos últimos decenios.

   

    

Durante esta semana de celebracións organizamos no centro moi diversas actividades relacionadas coa historia, como é o caso dos debuxos a cor, feitas polos nosos alumnos máis cativos da escola infantil, a imaxe e inspiración da arte rupestre; como a visita virtual do Parque Arqueolóxico e a elaboración dun mural recordando a morfoloxía do petróglifo.

Os rapaces da Primaria somerxéronse no vocabulario da etnografía e do folclore , coa inestimábel axuda das familias, procuraron información arredor das festas populares e tradicións galegas. Os máis maiores de entre estes rapaces afondaron na hermenéutica da, aínda que célebre, non menos fermosa frase do mestre Fraguas, que nós queremos facer lema para este Día: ‘’o seu labor contribuíu, ademais a defender o galego, como lingua de expresión válida para calquera coñecemento’’.

Aos maiores do centro, os alumnos de secundaria,  foilles encomendada unha tarefa máis complexa: participar no concurso da ANPA coa confección de vídeos nos que, valéndose das máis novidosas técnicas do audiovisual e aproveitando as tarefas de documentación histórica traballadas nas aulas, se nos narra a vida, traxectoria, méritos e relevancia do homenaxeado. Este traballo práctico foi acompañado da elaboración de murais explicativos da vida e obra  de Antón Fraguas Fraguas, home imprescindible recordado nesta xornada das Letras Galegas celebrada, non podía ser doutro xeito, coa participación e colaboración activa de toda a comunidade escolar que fai parte do Colexio Miraflores de Ourense.

 

Actuación de Brais Das Hortas:

Artículos relacionados